lunes, 16 de julio de 2012

Unha aproximación á situación do Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) na comarca de Ferrol


   O Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) é un podicípedo relativamente frecuente a nivel peninsular, cunha poboación estimada de 62.000 aves no estado español, e 3.800 na cornixa cantábrica no ano 2007 (1). A primeiros da década dos noventa estímase a poboación galega en 500-600 parellas (Fernández Cordeiro & Domínguez, 1991) e X. Vázquez cifra en 300-400 pp a poboación actual (3).

   O feito de que sexa capaz de aniñar en charcas de pequeno tamaño e que se adapte moi ben aos encoros artificiais favoreceron o seu asentamento por todo o país. De feito no 63% das mostraxes con resultado positivo a especie apareceu en pequenos humidais de menos de 20 has. No ámbito galego, o pequeno tamaño de todos os nosos humidais naturais acentúa aínda máis se cabe esa tendencia á dispersión, sendo escasas as localidades onde se superan as dez parellas reprodutoras (3).

   Na comarca de Ferrol-Eume-Ortegal, o Mergullón pequeno é un nidificante histórico, asociado basicamente ás lagoas costeiras. Así queda reflexado no mapa do Atlas de Vertebrados de Galicia (2) con datos recollidos entre 1980 e 1985:



   Daquela, a especie citábase coma reprodutor seguro en tres cuadrículas 10x10 km, que incluían as lagoas de Doniños e A Frouxeira, así como na pequena lagoíña de San Martiño, en Ortigueira. Ao Sur aparece outra cuadrícula con nidificación confirmada, pero refírese ao núcleo das Brañas de Sada, fóra xa do ámbito de estudo.

   Sen embargo nos últimos trinta anos houbo unha serie de cambios importantes que afectaron directamente á poboación de T. ruficollis na área ferrolá. Por unha banda, a paulatina naturalización do encoro das Forcadas, construído a primeiros dos anos setenta en Valdoviño, que acabou converténdose no humidal máis importante da comarca para o mergullón. Por outra, a progresiva colmatación de varias canaveiras litorais, onde a especie acabou por desaparecer.

Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis)

   Faremos un repaso por localidades, comentando opinións e datos recollidos de maneira non sistemática entre o ano 1986 e o 2012 polo autor da entrada.

Lagoa de Doniños

   Esta lagoa ferrolá apenas sufríu cambios estruturais no período de tempo considerado, observándose sen embargo a aparición de dúas especies alóctonas: Gambusia sp. e Neovison vison, nos anos oitenta. Por agora mantense libre de Procambarus clarkii.

Lagoa de Doniños

   Nunca se fixo un seguimento específico nesta localidade e unicamente se dispón de observacións dispersas ao longo do período. Así, no ano 1986 atópanse 4 niños (dous con ovos) nunha prospección limitada á ribeira oeste da lagoa e no ano 1987 contabilízanse un mínimo de 5 parellas no mes de agosto. Recentemente (Xuño/2011) obsérvanse 3 adultos nupciais en ribeiras opostas da lagoa. Numerosas observacións realizadas durante a estación reprodutora en distintos anos estarían tamén neste abano de 5-10 individuos adultos observados.

   Pódese considerar logo unha poboación relativamente estable de arredor das 3-5 parellas na actualidade. Non obstante, e a pesar da falta de datos, é moi posible que a súa poboación fose moito maior na década dos oitenta, tendo en conta as óptimas condicións que reúne esta lagoa para a especie.

Carregal de San Xurxo

   Este humidal, situado tamén no concello de Ferrol, experimentou un acelerado proceso de colmatación no período do estudo. Mentres que na década dos oitenta mantiña aínda dúas pequenas áreas de augas abertas na parte central da canaveira, actualmente é unha canaveira completamente pecha sen augas libres. Este cambio drástico provocou a desaparición do Mergullón pequeno e doutras aves acuáticas.

Carregal de San Xurxo-Esmelle

   Nos primeiros anos do período comprendido, o Mergullón foi reprodutor confirmado en San Xurxo. Así, en prospección levadas a cabo no verán de 1986, obsérvanse 3-4 parellas máis un niño con ovos nunha das lagoas e escóitanse dous cantos territoriais na outra. Son tamén observados varios individuos xuvenís. O último contacto coa especie prodúcese en Marzo de 1991, cando se escoita un canto territorial. Desde entón a desaparición da lámina de auga acabou por extinguir tamén a poboación de T. ruficollis, sendo difícil que se volva recuperar.

Lagoa da Frouxeira

   Este humidal é un dos mellor coñecidos e que conta con maior número de visitas ao longo de todo o período. A pesares de ser o máis importante para as aves acuáticas, alberga unha poboación moi pequena de Mergullón pequeno, que resulta pola contra moi numeroso no Outono e Inverno, producíndose entón concentracións das máis elevadas de Galicia.

   O réxime actual da lagoa, con intercambio mareal regular e fortes oscilacións de nivel, parece ser a causa de que a comunidade de aves acuáticas nidificantes sexa comparativamente pequena. A crecente invasión da canaveira por parte do Xabalí (Sus scrofa), que apareceu na zona aproximadamente na década dos noventa, parece estar incidindo moi negativamente na poboación de aves nidificantes. Dados os hábitos anfibios e predadores do Xabalí, considérase posible que o Mergullón sexa unha das especies afectadas.

Mergullóns voando nas inmediacións da Pesqueira

   As observacións indican que T.ruficollis é nidificante en pequeno número na Frouxeira, con 0-5 parellas, habendo anos en que a especie probablemente non críe, debido ao mencionado réxime hídrico, que pode derivar en períodos de seca en plena estación reprodutiva. Ademais, polos avistamentos dos polos, bastante tardíos, daríase un certo desfase nas postas con respecto a outros humidais próximos, debido ás mellores condicións que normalmente reúne a lagoa avanzada a estación de cría.

   Como caso excepcional temos o ano 2003. Daquela a lagoa foi pechada cun dique artificial como medida de contención da marea negra do Prestige. Isto provocou que a lagoa mantivera niveis de auga altos e constantes durante toda a Primavera e Verán, sen oscilacións. Como consecuencia o número de Mergullóns reprodutores aumentou, estimándose nun mínimo de 8 parellas aquel ano.

   Sinálanse como ameazas á especie o uso de nasas e trasmallos (3), aparellos ambos que son habitualmente empregados na Frouxeira, a pesar de ser ilegais.

Canaveiras de Pantín

   Este humidal está arestora completamente pechado pola vexetación palustre e sen augas libres, e non se coñecen observacións ou escoitas da especie en anos recentes. Unicamente hai un avistamento illado, realizado a mediados da década dos oitenta. Produciuse no río que forma o humidal, preto da desembocadura. Naquela época aínda quedaba visible algunha pequena lámina de augas libres no interior da xunqueira/canaveira.

   Sen dúbida o Mergullón debeu ser nidificante en Pantín noutros tempos, antes de colmatarse, pero actualmente considérase moi difícil a pervivencia dalgunha parella por falta de hábitat.

Lagoa de San Martiño



   Unha das características do Mergullón pequeno é a súa capacidade de adaptación e colonización nas áreas naturais restauradas (3). A Lagoa de San Martiño é un exemplo claro.

   No Atlas de vertebrados recollíase a especie coma de reprodución segura na cuadrícula 10x10 de Ortigueira durante os anos 80. A lagoa de San Martiño, situada no cordón dunar, era o único hábitat axeitado para a especie, así que debemos considerar estas observacións da cuadrícula como pertencentes a este humidal. Posteriormente o estado da lagoa foi deteriorándose, debido á acumulación de entullo e lixo que acabou sepultando o leito da lagoa, que finalmente acabou desaparecendo baixo o mato de silveiras.

   Afortunadamente no ano 2005 o goberno municipal acomete as obras para restaurar o humidal, recuperándose así un hábitat idóneo e moi favorable para grupos como anfibios, odonatos, aves acuáticas ou flora acuática.


Lagoa de San Martiño

   Grazas a estas obras, varias especies de acuáticas recolonizan de novo o lugar, sendo observado por primeira vez o Mergullón en Xuño de 2011. Desde aquela sucédense diferentes observacións e escoitas dos cantos nupciais, considerando como moi probable a nidificación de 1-2 parellas.

Encoro das Forcadas

   Este encoro é a localidade máis importante para a reprodución do Mergullón pequeno en toda a comarca de Ferrol. Nos anos 2005, 2006 e 2007 realizouse un especial seguimento da especie, intensificando os controis durante as visitas ao encoro, obténdose estes datos:

   - 2005 Censados 46 ads nupciais (23/07) e estímanse un total de 16-18 pp
   - 2006 (Censo incompleto), 11 pp confirmadas, calculando un total de 14+ pp.
   - 2007 Total 20 pp estimadas

   En resumo, podemos considerar a presenza dunhas 16-20 parellas reprodutoras en Forcadas, sendo polo tanto unha das localidades máis importantes para a especie en todo o norte galego.

   Hai que comentar que no ano 2006 detéctase por primeira vez Procambarus clarkii nas ribeiras do encoro, aínda que nos dous últimos anos estaríase dando un retroceso na súa poboación. Un fenómeno insólito e aínda non confirmado.


Lago de As Pontes e Charcas da escombreira

   O proceso de restauración da mina de As Pontes, levado acabo durante a pasada década, creou un lago artificial e unha serie de charcas de mediana/pequena entidade na escombreira exterior. Aínda que o Mergullón pequeno xa colonizou todos estes humidais, a zona queda fóra do estudo, debido ao seu carácter privado e as limitacións de acceso. Non obstante, durante os censos de aves acuáticas invernantes levados a cabo pola SGHN en Xaneiro de 2012, púidose certificar a tremenda potencialidade que para a especie ten o conxunto, especialmente o lago. En canto se asente a vexetación riparia e avance o proceso de naturalización, con toda certeza haberá verse multiplicada exponencialmente a poboación de mergullón que xa reside alí.

    Distribución actual T.ruficollis na comarca de Ferrol (excluída a escombreira e lago de As Pontes).
    Fonte: datos propios 2000-2012

RESUMO:

   A colmatación dos humidais de Pantín e San Xurxo provocou a desaparición de dous puntos de cría na comarca. Pero a restauración da pequena Lagoa de San Martiño recuperou outra nova localidade, perdida durante dúas décadas. Nas lagoas litorais de Doniños e A Frouxeira manteríanse pequenas poboacións, sendo o encoro das Forcadas o único lugar de certa importancia para a cría na zona considerada.

   Finalmente, comentar que o conxunto do Lago das Pontes e as numerosas charcas da escombreira reúnen as condicións idóneas para se transformar nun lugar moi destacado para a cría de T.ruficollis, non xa a nivel galego senón a nivel peninsular.

Agradecimentos:

 A Martiño Cabana Otero, por facilitarme o mapa 1x1 e polos seus consellos.

Bibliografía:

(1) Palomino, D. y Molina, B. (Eds.) 2007. Aves acuáticas reproductoras en España. Población en 2007 y método de censo. SEO/BirdLife. Madrid
(2) S.G.H.N. Atlas de vertebrados de Galicia. Aproximación á distribución de vertebrados terrestres de Galicia no quinquenio 1980-1985. (Eds.) 1995
(3) Llimona, F. 2003. Zampullín chico, Tachybaptus ruficollis. En, R. Martí y J.C. del Moral (Eds.): Atlas de las Aves Reproductoras de España, pp. 76-77. Dirección general de la Conservación de la Naturaleza-Sociedad Española de Ornitología. Madrid

No hay comentarios:

Publicar un comentario